UE Next Generation e FEMP
Axencia financiadora: Ministerio de Ciencia e Innovación e Xunta de Galicia
Período: Outubro 2022- Setembro 2025 (36 meses)
Equipo Investigador: investigadores de: 3 Universidades do Sistema Universitario de Galicia (UDC, USC, UVIGO), 4 centros do Consello Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e 6 centros tecnolóxicos de investigación da Xunta de Galicia (CETMAR, INTECMAR, CIMA, IGaFA, CESGA e o servicio meteorolóxico autonómico METEOGALICIA), xunto coa participación directa da Consellería do Mar-XUNTA


O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia forma parte do Programa Estatal Conxunto de Ciencias do Mar no que colaboran as Comunidades Autónomas de Galicia, Andalucía, Cantabria, Región de Murcia e Comunitat Valenciana. O Programa de Ciencias Mariñas ten como obxectivo desenvolver unha estratexia conxunta en ciencia e innovación mariña para alcanzar a sostibilidade facendo fronte aos novos retos en monitorización e observación mariña, cambio climático, acuicultura e outros sectores da economía azul.

A protección e xestión sostible dos servizos dos ecosistemas mariños son os principais obxectivos do Programa Galego de Ciencia Mariña. Para conseguilos, definíronse tres grandes liñas de actuación:

  1. Observación e monitoreo do medio mariño e costeiro;
  2. acuicultura sostible, intelixente e de precisión, e
  3. innovación, coñecemento e oportunidades para adaptar a economía mariña nun mundo cambiante.

Estas tres grandes liñas de investigación desenvólvense en 11 Paquetes de Traballo («PTs»). Future Oceans Lab (FOL) xunto con outros colegas doutras institucións como CETMAR, UDC, USC entre outros, están a traballar no PT10 sobre Economía Mariña. Intervención transformadora no medio costeiro de Galicia. Este PT conta coa colaboración de investigadores doutros PTs para alcanzar o obxectivo desta acción: promover a transformación social e económica, a formación e a capitalización do coñecemento para afrontar os retos da transición ecolóxica e dixital nun contexto de cambio global para mellorar a capacidade de adaptación para unha economía azul sostible, equitativa e xusta.

En concreto, FOL desenvolverá unha avaliación do risco climático da pesca artesanal galega para identificar e cuantificar os efectos do cambio climático na pesca artesanal a través dunha perspectiva de sistema socio-ecolóxico. Posteriormente, avaliarase a capacidade de adaptación e resiliencia do sistema socio-ecolóxico mariño (pesca artesanal) a estes impactos do cambio climático.