The news
ATAC pecha tres anos de investigación sobre a adaptación da pesca artesanal ao cambio climático
- Analizamos a evolución do sector da pesca artesanal en Galicia entre 2018 e 2025 mediante o traballo con nove comunidades e a realización de 430 enquisas e varios talleres.
- Comparamos a situación de Galicia coa de comunidades de Nayarit, en México, e Shikoku, no Xapón, expostas a diferentes niveis de impacto e contextos institucionais.
- Identificamos os factores que facilitan ou dificultan a adaptación.
Entre os resultados, observamos que a maioría das persoas dedicadas á pesca en Galicia están a afrontar os cambios a curto prazo, por exemplo, recorrendo aos seus aforros ou aumentando o esforzo pesqueiro, en lugar de adaptarse ou transformar activamente a súa actividade. Este resultado pon de manifesto a necesidade de ofrecer apoios que permitan avanzar cara a procesos de adaptación a máis longo prazo.
O evento comezou dando voz ao sector. Ana Sotelino, en representación das mariscadoras a pé, e Eloy Marcos Pérez, en representación de quen se dedica a pé á extracción de recursos específicos, como o percebe, compartiron a súa experiencia no sector e os cambios que percibiron durante os últimos anos.
A continuación, presentamos os resultados do proxecto e as solucións propostas polas propias persoas dedicadas á pesca e ao marisqueo durante os talleres realizados coas confrarías.

Queremos expresar o noso máis sincero agradecemento ás persoas dedicadas á pesca e ao marisqueo, ás confrarías, á Federación Galega de Confrarías de Pescadores e á Xunta de Galicia por facer posible este traballo, así como a todas as persoas que nos acompañaron neste encontro.
CATEGORÍAS: Clock, Research
