The news

Os Premios Nereida recoñecen os mellores proxectos de alfabetización oceánica en Galicia

O proxecto Nereida despídese apoiando a educación sobre o medio mariño nas escolas de Galicia

15/06/2026 -

O proxecto Nereida puxo o broche final a un curso marcado pola innovación educativa e o compromiso coa cultura oceánica. Nun encontro celebrado no Edificio Redeiras da Universidade de Vigo, os 25 centros educativos galegos certificados este ano como Escolas Azuis compartiron as súas experiencias e presentaron os proxectos desenvolvidos ao longo do curso. Durante a xornada entregáronse os Premios Nereida, destinados a recoñecer as iniciativas máis destacadas en alfabetización oceánica.

O primeiro premio foi para o CEIP Espiñeira de Aldán polo seu proxecto From the Sea is Born the Blue of Life. O segundo premio recaeu no CEIP Zalaeta con O mar e o terceiro foi para o Colexio Plurilingüe Alba por Aqua: From River to Ocean.

Como recoñecemento a este logro, as familias e o profesorado do CEIP Espiñeira-Aldán desfrutaron dun paseo en barco pola ría de Vigo. Dende a Rede Galega de Escolas Azuis acompañamos esta travesía participando tamén na primeira regata solidaria “Velas por el Alzheimer”, unha iniciativa que reuniu persoas con Alzheimer e os seus familiares nunha mañá moi especial.

Esta actividade representa os valores que inspiran o traballo das Escolas Azuis: a protección do medio mariño, a conexión co océano e o compromiso cunha sociedade máis inclusiva. Porque non pode existir sostibilidade ambiental sen xustiza social. O mar converteuse unha vez máis nun espazo de encontro, aprendizaxe e emocións compartidas.

Aínda que o proxecto Nereida remata aquí, a Rede Galega de Escolas Azuis continúa coa súa labor acompañando aos centros educativos no desenvolvemento de novas iniciativas vinculadas á cultura oceánica. Seguiremos ofrecendo apoio para a creación de proxectos, a procura de colaboracións con entidades do ámbito mariño, os procesos de acreditación como Escola Azul e a busca de oportunidades de financiamento.

Moitas grazas a todos os centros, docentes, alumnado e familias pola súa implicación. Cada novo curso é unha nova oportunidade para achegar o mar ás aulas e seguir construíndo unha cidadanía comprometida co futuro dos nosos océanos.

Podes ver un video do evento aquí

Para ver máis novas, preme aquí
CATEGORÍAS: Research