The news
Pechando a fenda de datos de xénero na pesca a pequena escala
A pesar de que as mulleres representan preto do 45% das persoas que participan na pesca artesanal en todo o mundo, os seus roles e contribucións seguen a ser invisibles nas estatísticas nacionais e internacionais. Esta invisibilidade non só é unha cuestión de xustiza, senón que tamén limita a nosa comprensión sobre como funcionan as pesqueirías, como sosteñen os medios de vida e como interactúan cos ecosistemas mariños.
O artigo analiza como as normas culturais e os sistemas de datos obsoletos continúan moldeando unha visión incompleta da pesca a pequena escala, reforzando a idea de que a pesca é principalmente unha actividade masculina. Como consecuencia, as políticas, programas e ferramentas de xestión deseñanse con información parcial, pasando por alto a complexidade do sector e o papel esencial que desempeñan as mulleres.
Para facer fronte a esta situación, as autoras propoñen un sistema de datos inclusivo con perspectiva de xénero para a pesca a pequena escala, baseado en principios de datos feministas e deseñado para superar os prexuízos estruturais. A súa proposta inclúe:
- Unha lista de indicadores clave para unha recollida de datos máis completa e inclusiva.
- Orientacións sobre fontes de datos e organismos responsables da implementación do sistema.
- Un conxunto de recomendacións para a colaboración entre institucións na pesca, oficinas estatísticas e ministerios de igualdade ou desenvolvemento social.
O estudo tamén identifica accións prioritarias para ao futuro:
- Reforzar o argumento político a favor da recollida de datos desagregados por xénero na pesca.
- Fortalecer a capacidade das institucións nacionais para incorporar dimensións sociais e de xénero nos seus sistemas de datos.
- Promover a colaboración entre sectores e disciplinas para integrar as perspectivas ecolóxicas e sociais.
- Garantir un financiamento estable e a longo prazo para a recollida e seguimento de datos inclusivos.
Ao abordar os sesgos de xénero nos datos pesqueiros, este traballo ofrece un camiño cara unha xestión máis xusta, eficaz e sostible da pesca artesanal, onde a contribución de cada persoa, con independencia do seu xénero, sexa visible e recoñecida.
📄 Le o artigo completo:
“A gender-inclusive data system for small-scale fisheries”, publicado en Ambio (2025).
https://link.springer.com/article/10.1007/s13280-025-02250-5
CATEGORÍAS: Research
