The news

NEREIDA impulsa a Rede Galega de Escolas Azuis

Centros educativos, comunidade científica mariña e entidades do sector marítimo reuníronse no CIM-UVigo para avanzar cara a unha educación oceánica máis participativa, colaborativa e conectada coa sociedade

05/09/2025 -

Máis de 50 representantes de institucións científicas, educativas, empresariais e sociais participaron en Vigo na primeira xornada do proxecto NEREIDA, unha iniciativa coordinada polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo) e financiada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades O encontro marcou un primeiro paso para fortalecer a Rede Galega de Escolas Azuis, apoiando os centros educativos galegos no desenvolvemento de proxectos vinculados ao océano e na súa acreditación como Blue Schools.

O proxecto, liderado por Andreu Blanco, investigador do Future Oceans Lab-CIM, busca promover a alfabetización oceánica e achegar a ciencia mariña ao alumnado de infantil, primaria, secundaria e educación especial. A través de experiencias prácticas, colaborativas e inclusivas, NEREIDA quere integrar o coñecemento dos ecosistemas acuáticos nas aulas e fomentar unha maior responsabilidade colectiva na conservación e no uso sostible do mar e das augas continentais.

Durante a xornada, as entidades colaboradoras presentaron recursos, experiencias e oportunidades para acompañar os centros educativos no deseño dos seus propios proxectos científicos azuis. Entre elas participaron o IIM-CSIC, CETMAR, FUNDAMAR, Autoridad Portuaria de Vigo, 13 Grados, Northwind e outras organizacións comprometidas coa educación mariña e a sustentabilidade.

Con esta primeira xornada, NEREIDA inicia un camiño de colaboración entre ciencia, escola e sociedade para que as novas xeracións poidan comprender mellor a importancia dos sistemas acuáticos e converterse en axentes activos na súa protección.

 

Para ver máis novas, preme aquí
CATEGORÍAS: Research