The news
Novo artigo sobre as respostas transformadoras da pesca artesanal ao cambio climático en Nayarit, México
O estudo está liderado por Xochitl Elías, membro de FOL, baixo a supervisión da investigadora de FOL Elena Ojea e de Jorge García Molinos da Universidade de Hokkaido (Xapón). A investigación, titulada Determinants of small-scale fisheries’ transformative responses under increasing climate change impacts in Nayarit, Mexico, destaca os factores socioeconómicos e organizativos que inflúen no comportamento transformador dos pescadores fronte ao descenso sostido nas capturas provocado polo cambio climático. Realizado no punto quente do cambio climático en Nayarit, México, o estudo analiza datos de entrevistas presenciais con 437 pescadores de pequena escala en seis comunidades pesqueiras.
Esta investigación novidosa utiliza a análise de supervivencia para comprender como responden os pescadores ao cambio climático. A análise de supervivencia é unha metodoloxía tradicionalmente empregada en estudos médicos e ensaios clínicos. Neste estudo, a aplicación innovadora deste método para analizar respostas ao cambio climático revelou que o capital social, particularmente o acceso a permisos a través de cooperativas e relacións patrón-cliente, xoga un papel crucial na configuración das respostas dos pescadores. A maioría dos pescadores en Nayarit dependen altamente dun “patrón” para operar, obter permisos e vender as súas capturas. As principais respostas aos grandes impactos na pesca consisten en transitar cara a novos medios de vida ou abandonar completamente a actividade pesqueira, o que ilustra os desafíos que as políticas deben abordar para soster o sector pesqueiro.
O estudo realizouse en colaboración con Javier Tovar Ávila do Instituto Mexicano de Investigación en Pesquerías Sustentables e Acuacultura (IMIPAS) e Eréndira Acéves Bueno da Universidade de Washington, xunto cun equipo de traballo de campo composto por dous investigadores mexicanos: Jhosafat Rentería e Alexis Medina. Saliéntase a importancia dos sistemas de xestión na construción da resiliencia das pequenas pescarías fronte aos desafíos climáticos.
Este traballo non sería posible sen o apoio de investigadores locais, líderes comunitarios e os pescadores que participaron e colaboraron ao longo do estudo. Podedes escoitar a súa testemuña neste vídeo.
Lede a publicación completa aquí: Ecology and Society
CATEGORÍAS: Research
