The news

Un ano completo en FOL
A primeira vista, este parece outro ano difícil para facer balance. Pero co 2021 chegando ao final, cremos que é un bo momento para mirar atrás e revisar todo o que pasou en FOL, e foi moito!
Durante este ano, as medidas covid seguían imperando: xente traballando desde casa, poucas reunións presenciais e a maioría dos eventos realizáronse de maneira virtual; Pero o 2020 ensinounos a seguir facendo o noso traballo. Nestas circunstancias, os membros do equipo FOL puideron seguir liderando as súas investigacións e presentar os seus principais resultados dos nosos proxectos en conferencias internacionais e eventos de divulgación. Iratxe presentou a súa investigación sobre a adaptación da pesca a gran escala no congreso virtual ICES/PICES e levou o seu libro infantil a un congreso de literatura. Ademais, Xochitl, Diego e Alba participaron na conferencia ICYMARE, e Alba mostrou os seus resultados no World Fisheries Congress (WSCF). Xochitl, Smit e Alba realizaron eventos inspiradores onde compartiron a investigación de FOL co alumnado de diferentes escolas, para espertar o seu interese pola ciencia da sostibilidade.
Tamén publicamos novos traballos, a Oficina Española de Cambio Climático publicou finalmente un informe sobre os impactos do cambio climático, onde o equipo de FOL dirixiu o capítulo mariño. Elena continuou traballando no sexto informe de avaliación do IPCC, que se entregou este outono e será publicado en 2022, mentres que os membros de FOL presentaron e publicaron importantes artigos científicos. Alba publicou o seu primeiro traballo de doutoramento en AMBIO, onde repasa as características da pesca sostible na pesca artesanal de percebe en Europa. Iratxe publicou todos os capítulos da súa tese en revistas de gran impacto. Alex publicou unha análise global sobre a eficiencia técnica e dos recursos das frotas pesqueiras que suscita preocupacións pola diminución da eficiencia das frotas mundiais. Francesca, Smit e Juan traballaron moito nos proxectos MPA-Engage e FutureMARES. Francesca está ultimando a avaliación da vulnerabilidade en 6 AMP do Mediterráneo, e puido presentar os resultados aos xestores e recibir os seus comentarios ao longo do proceso. Juan dirixiu as actividades do WP5 do proxecto FutureMARES, coma un obradoiro con todos os socios implicados e un conxunto de novas guías para realizar avaliacións de risco para as solucións mariñas baseadas na natureza fronte o cambio climático. Finalmente, o grupo publicou un artigo en Scientific Reports cun novo índice de resiliencia ao cambio climático aplicado ás dimensións ecolóxica, institucional e social da pesca.
Durante este ano, Xochitl logrou un fito importante tanto para CLOCK como para o seu doutoramento. De agosto a decembro estivo realizando o caso de estudo en Nayarit (México), realizando o traballo de campo para avaliar a capacidade de adaptación dos pescadores artesanais ao cambio climático. Esta aventura non sería posible sen o apoio do doutor Javier Tovar do CRIAP-INAPESCA, e a colaboración de Eréndira Aceves, Alexis Medina e Jhosafat Renteria. Queremos mostrar o noso agradecemento pola súa inestimable axuda. Temos previsto volver en breve para presentar os principais resultados de investigación aos principais actores do sector pesqueiro de Nayarit.
Este tamén foi un ano moi especial xa que demos a benvida ao laboratorio a dous estudantes de Máster IMBRSea. Jané Salazar avaliou como os cambios de distribución debido ao cambio climático están influenciados polas características biolóxicas das especies de peixes comerciais, coa supervisión de Alex. Lara Paige Brodie desenvolveu a súa tese sobre os impactos do cambio climático na seguridade alimentaria, analizando a vulnerabilidade das comunidades de pesca artesanal en Tanzania, coa supervisión principal de Smit. Estamos moi orgullosos de Jane e Lara polo seu excelente traballo e resultados exitosos. Dámoslle as grazas e despedímonos de Smit, que contribuíu a moitos proxectos en FOL pero que agora marcha para traballar na NOAA nos Estados Unidos, desexámoslle o mellor.
Pero se queremos destacar un fito para 2021, foi ver como os nosos tres primeiros estudantes de doutoramento chegan ao final da súa tese. Estivemos realmente encantados de ver a nosa doutoranda, Iratxe Rubio, converterse en doutora con honores nunha brillante tese de doutoramento, defendida en setembro. Agora, desexámoslle o mellor no seu novo reto, a súa consultoría de investigación mariña. Diego Salgueiro tamén presentou recentemente a súa tese de doutoramento para a súa avaliación, pechando un ciclo dentro do proxecto CLOCK onde se especializou en análise de redes socioecolóxicas en comunidades pesqueiras artesanais. Por fin, Alba Aguión xa case está, e en cuestión de semanas presentará o seu doutoramento para a súa avaliación. Estamos moi orgullosos de todo o compromiso, ilusión e traballo de Alba, Diego e Iratxe, e o seu éxito en chegar a este punto despois do longo e intenso proceso que supón o doutoramento.
Agardamos ao 2022, o noso sexto ano no que temos importantes retos e innovacións, especialmente no proxecto CLOCK, que remata en setembro. Pensamos compartir con todos vós os nosos resultados e plans de futuro, e para iso dedicaremos o ano planificando e realizando actividades de comunicación e divulgación científica. O ano que vén será o de volver ás partes interesadas (stakeholders) e mostrarlles o noso traballo, aprender a facelo ben e con impacto é a nosa prioridade.
Agardamos un ano renovado cheo de actividades gratificantes e grandes experiencias. Acompáñanos!
Desexámosvos un feliz ano novo!
CATEGORÍAS: Future Oceans Lab, Team